miércoles, 18 de febrero de 2009

O ENTROIDO EN OURENSE



Ao falar do Entroido é inevitable facelo do 'triángulo máxico': Verín, Xinzo e Laza. Así, 'grande parte' das subvencións que se destinan para a celebración son para estas tres localidades, mesmo o servizo de transporte interurbano 'entroidobus', enfócase só nestes concellos, ''promovendo un turismo unilateral que se esquece dos entroidos máis rurais e étnicos''. Para o profesor e investigador Xosé Antón Fidalgo Santamariña este 'elitismo', provoca que 'moita xente do rural teña que deixar a súa aldea e irse a vilas máis grandes para celebrar o entroido', pois ao seu parecer 'as capitais de bisbarras monopolizan os carnavais e iso non favorece a recuperación patrimonial'. Así explicouno onte no terceiro Congreso de Patrimonio Etnográfico no Campus, dedicado ao Entroido e organizado pola Facultade de Ciencias da Educación, co obxectivo de dar a coñecer as distintas tradicións do carnaval na provincia e nos seus arredores, dende o norte de Portugal, ata o Bierzo e o sur de Lugo.
Fidalgo Santamariña explicou que 'os cigarrones de Verín son igual de importantes que o cabreiro de Muíños, os vergalleiros de Sarreaus ou o oso de Salcedo, por eles debemos evitar o modelo clásico de promoción unilateral do turismo ourensano, pois na provincia existen preto de 50 figuras distintas de carnaval, cada unha representando unha festividade cos seus propios rituais, xogos, e gastronomía'. O profesor Santamariña é ademais coordinador da publicación 'Ás caras do Entroido', que sairá á luz esta semana dentro do Congreso, coa colaboración da Deputación, e na que participan 15 coautores, entre eles os investigadores Clodio Rodríguez Pérez e José Manuel González Reboredo, os que analizaron os entroidos na fronteira lucense, e Federico Cocho, que investigou sobre os carnavais da Limia Alta.

No hay comentarios: