miércoles, 9 de diciembre de 2009

CONTROVERTIDA FUSION DAS CAIXAS


A controvertida fusión das caixas galegas
Cando o 16 de setembro de 2008 augurou que a inesperada quebra de Lehman Brothers faría cambiar "moitas cousas no mundo", JULIO FERNÁNDEZ GAYOSO seguramente non imaxinaba que aquela hecatombe, burla burlando, remataría por dubidar de mesmo a supervivencia da entidade que preside, polo menos tal e como hoxe en día a coñecemos.
Caixanova, sobre todo dende o verán, está a ser obxecto de insoportables presións, procedentes sobre todo da Xunta, para que renuncie a continuar o seu camiño en solitario e se emparelle canto antes con Caixa Galicia, malia non figurar nin a unha nin a outra na nómina das peor paradas pola crise financeira internacional e polo afundimento en España do sector inmobiliario.
Cada vez parece máis evidente que a fusión é unha simple operación política na que se empeñou
ALBERTO NUÑEZ FEIJOO co exclusivo propósito de facerse forte ante unha eventual acometida de Caixa Madrid, da que lle resultará difícil zafar se o xa próximo día en que RODRIGO RATO se poña á fronte dela.
Outro insigne compañeiro de partido, o valenciano FRANCISCO CAMPS, anda exactamente nas mesmas, e con parecidas dificultades, dado o escaso entusiasmo que o proxecto de unir Bancaja, a CAM e Caixa Ontinyent espertou na súa terra.
Fernández Gayoso, que é un dos poucos presidentes das caixas de aforros españolas que empezou dende abaixo (entrou na de Vigo como auxiliar administrativo con 16 anos), leva toda a vida baténdose o cobre fronte a Caixa Galicia e lle custa moito botar agora pelillos ao mar só porque a Núñez Feijoo lle conveña.
Como bo afeccionado ao boxeo, Fernández Gayoso soubo encaixar de momento todos os golpes que lle propinaron por resistirse con uñas e dentes aos plans da Xunta, pero é plenamente consciente de que ningún organismo, nin se queira o máis roqueño, ten unha capacidade infinita de resistencia.

Flagrante contradición
Neste tira e afrouxa, Fernández Gayoso non está só: empresarios e líderes políticos de Vigo opóñense tamén á fusión. Paradoxalmente, hai dez anos, as mesmas voces se alzaron con entusiasmo a favor da absorción das caixas de Pontevedra e Ourense pola da súa cidade, que deu lugar a Caixanova. Naquela ocasión, por certo, Fernández Gayoso foi implacable cos que estaban ao mando das outras dúas entidades: CARLOS VELASCO foi invitado a xubilarse e a LUIS CARRERA asignoulle un papel moi secundario.


Funcas non o ve claro
O último pronunciamento destacado contra a fusión foi o de VICTORIO VALLE, director xeral da prestixiosa fundación das caixas de aforros (Funcas). Segundo el, se se trata de adquirir tamaño, Caixa Galicia e Caixanova "deberían saír fóra", porque unirse entre elas pode "crear a curto prazo problemas internos, de convivencia," toda vez que teñen "culturas radicalmente distintas e criterios diferentes", e ademais a súa relación se caracterizou tradicionalmente por unha forte competencia.


Á expectativa
Mentres Fernández Gayoso se resiste ao matromonio, JOSÉ LUIS MÉNDEZ, director xeral de Caixa Galicia, segue alentado en voz baixa a Núñez Feijoo. A fusión con Caixanova, que está chamado a administrar, poñería o broche de ouro á súa carreira profesional e confía en que, a pesar dos pesares, acabe caendo como froita madura.
De D/P. V.Clavero)