jueves, 6 de noviembre de 2008

Homenaxe a MARCOS VALCARCEL: "De cea con Marcos". 29 Novembro en OURENSE

DE CEA CON MARCOS VALCÁRCEL

(HOMENAXE DOS AMIGOS)

Unha comisión de amigos está organizando unha homenaxe a Marcos Valcárcel. A desculpa próxima é publicación dun novo libro da súa autoría sobre a historia de Ourense e tamén a necesidade de buscar formas para expresar a gratitude e cariño que moita xente quere comunicar a Marcos, nestes momentos complicados para a súa saúde.

Non é este o lugar para glosar detidamente o gran contributo de Marcos Valcárcel á cultura galega. Chega tan só con lembrar algunhas das súas facetas: os seus traballos de investigación e divulgación sobre a historia de Galicia e en especial nos eidos cultural e xornalístico, a súa constante presenza na prensa galega dende hai trinta anos (hoxe en día en Galicia Hoxe, La Región, A Nosa Terra), o seu desinteresado labor de organizador e dinamizador cultural na cidade de Ourense, ou o seu blog As Uvas na Solaina . E todo sempre desde posicións galeguistas, progresistas e dialogantes.

Aproveitando que o sábado 29 de novembro, ás sete da tarde se presentará o seu libro "Historia de Ourense" no Liceo, facemos ese mesmo día 29 de novembro, ás nove no Sanmiguel, unha cea que pretende ser continuadora daqueloutras que o desaparecido Clube Cultural Alexandre Bóveda organizara a redor de Carlos Casares, Manolo Buciños, aos Quessada, Antón Risco, etc. sempre co título amigable de "De cea con".

As tarxetas de asistencia pódense retirar en tres puntos desde hoxe e ata o día 25 de novembro: Liceo, Casa da Xuventude e o propio Sanmiguel.

Para facilitarse a adquisición da tarxeta ás persoas de fóra de Ourense habilitamos unha conta bancaria (c/c de Caixa Galicia nº 2091 0400 88 3040045410 Homenaxe-Cea Marcos Valcárcel) onde poderán facer o ingreso dos trinta euros que custa a cea, indicando claramente o seu nome na orde de transferencia. Logo, o mesmo día 29, poderán intercambiar o resgardo do ingreso pola tarxeta no restaurante Sanmiguel.

DE CEA CON MARCOS VALCARCEL

DIA 29 DE NOVEMBRO, SÁBADO, ÁS 21 HORAS NO SANMIGUEL

CUSTO 30 EUROS

RETIRADA TARXETAS DE ASISTENCIA desde o día 5 ao 24 de novembro EN CASA DA XUVENTUDE, LICEO E SANMIGUEL.

POSIBILIDADE DE INGRESO NA CONTA 2091 0400 88 3040045410 E LOGO CANXEO DO RESGADO POR TARXETA DE ASISTENCIA.

COMUNICACIÓNS DE ASISTENCIA e ADHESIÓNS EN homenaxeamarcos@gmail.com

Graciñas, a Comisión.

César Ánsias / Xoán Fonseca / Benito Losada / José Carlos Martínez-Pedrayo / Eustaquio Puga / Xosé Ramón Quintana / Xosé Trebolle / Afonso Vázquez-Monxardín

No hay comentarios: