martes, 11 de agosto de 2009
AS CAIXAS GALEGAS QUE FARÁ FEIJÓO?
Feijoo debátese nun dilema de difícil solución: apoiar a fusión de Caixa Galicia con CajaMadrid e Caja de Ahorros del Mediterráneo, o que lle reportaría o apoio de Aguirre e de Camps como sucesor de Rajoy, mais colocaría a sociedade galega en pé de guerra; ou buscar unha solución autóctona ao futuro das caixas galegas.
Feijoo está entusiasmado coa primeira opción, pero non ignora que, para levala a cabo, precisa transferir a outros os custos políticos da operación. Por iso, está xogando a vaza dunha fusión das caixas galegas entre si, nunha operación que sería comandada por Juan Ramón Quintás, ex presidente da Confederación Española de Cajas de Ahorro e ex directivo de Caixa Galicia.
Porén, Feijoo sabe perfectamente que Caixanova non ten o menor interese nesa fusión, porque se encontra nunha situación ben máis saneada que a caixa do norte. Ademais, os intereses persoais do seu Presidente, Fernández Gayoso, tamén xogan contra a fusión: despois de deixar polo camiño os cadáveres de todos os que tentaron facerlle sombra, non está disposto a que sexa un político quen o xubile e nomee o seu sucesor. De feito, a intención de Gayoso non é a de ser absorbido, senón a de participar no proceso de reestruturación de caixas como comprador, nunha xogada similar á impulsada polo Presidente de CajaMadrid, Miguel Blesa, para prolongar o seu mandato. E lembremos que Gayoso é un mestre nesa arte: a súa habilidade para esquivar as disposicións legais fai que siga presidindo Caixanova aos seus 78 anos, cando o límite legal é de 70.
José Luis Méndez, Director Xeral de Caixa Galicia, tampouco desexa unha fusión coa irmá do sur mediada pola Xunta, pois sabe que non contarían con el e que perdería o poder discrecional do que hoxe goza, e que utilizou, por exemplo, para colocar os seus fillos en postos directivos. Prefere unha fusión que lle garanta a manutención das súas prebendas; e nada mellor que CajaMadrid para garantir o cumprimento dos seus obxectivos.
Juan Quintás, pola súa parte, sabe que terá un papel protagonista tanto nunha fusión galega como nunha operación de absorción de Caixa Galicia por CajaMadrid, polo que se dedica a esperar acontecementos e non pon nada da súa parte para que a fusión das caixas galegas teña éxito. De feito, máis dunha vez mostrouse partidario dos procesos de concentración das caixas e da diversificación do risco xeográfico, chegando mesmo a insinuar a posibilidade de que o Parlamento español modifique a Ley sobre Órganos Rectores de Cajas de Ahorro para retirarlle ás Comunidades Autónomas o poder de veto. Ou sexa, alíñase punto por punto coas directrices do Banco de España para as caixas: concentración de entidades, desreferenciación territorial, desvinculación do poder político e, a medio prazo, conversión das caixas de aforros en sociedades anónimas.
Feijoo ten na súa man recursos máis que suficientes para dar un golpe na mesa e impór as súas condicións. Ademais do poder político e económico da propia Xunta, hai que lembrar que posúe o control das dúas Deputacións do sur (decisivas en Caixanova) e que conta co apoio explícito do BNG e –con matices– tamén do PSdeG para facer todo o necesario con tal de evitar que Caixa Galicia sexa dirixida desde Madrid. Pode obrigar Caixanova a aceptar unha fusión en clave galega; canto a Caixa Galicia, a pésima xestión de Méndez –que quixo xogar no casino global sen ter caché para tanto– fai que a entidade non estexa como para pór condicións a calquera proposta que garanta a súa solvencia.
Feijoo está a gañar tempo (a súa auténtica especialidade) para analisar e tentar viabilizar as alternativas que lle poderían permitir unha solución esteticamente vendible e que, ao mesmo tempo, lle garanta o apoio político no Estado para tornarse líder da dereita española, sabedor de que só dous nomes o separan do obxectivo: o propio Mariano Rajoy e un Javier Arenas que só xogará esa partida se o partido non encontra outra alternativa para evitar o ascenso de Gallardón.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
潘朵拉日韓服飾購物商城
潘朵拉日韓服飾購物商城專業的服裝批發網站提供您優質的服飾批發、日本服飾批發、日系服飾批發、精品服飾批發、精品服飾、進口服飾批發、流行服飾、韓國服飾、日韓服飾批發、雜誌款服飾批發、女裝服飾批發、時尚服飾批發、少女服飾批發、衣服批發等,均為日韓流行時尚雜誌款式的女裝批發,向海內外客戶提供款式最新,品質最好,價格最優的日韓服裝、日韓流行服裝批發。
Publicar un comentario