O sarau do sábado, no Bernabeu, foi emotivo desde os prolegómenos, pois "merengues" e "polacos" gardaron un minuto de silencio por outros polacos (sen aspas) mortos nun avión sinistrado. Tanto ten finar de accidente aéreo como de accidente cardiovascular pero a sociedade do espectáculo subliña as catástrofes. Os defuntos viñan sendo militares e políticos (co presidente á frente) da elite de Polonia, desta vez a morte apampou o mundo coa espantosa noticia de que tódolos homes son iguais.
Así que rolou a bóla, a atención xa converxiu nos agonistas, nun Real Madrid de nervios abalados, que pretendía furar a rede culé a velocidade de liscánzaro, e nun Barça sabiamente leccionado por Guardiola, que esperou sereno a ocasión de arrebollar a Casillas. Os blaugranas permaneceron azorrados atrás, brincando ao matraquillo ou futbolín, e, cando o rival quedou embazado igual que un paxaro diante dunha cobra, metéronlle un gol que lle sentou ao conxunto branco como un tute no estómago. A vitoria non tivo a lucería da do ano pasado, porén desatou idéntica alegría entre os seareiros do Barcelona: en Santiago e noutras partes, o brillo que faltou no xogo apareceu no ceo en forma de folión con foguetes de sete estalos.
Para min sería a festa completa se non botase a faltar o sábado no Sar ao amigo Paco Manrique, compañeiro e profesor meu de natación ata que o despediu a empresa explotadora das piscinas municipais, en represalia polas folgas que promoveu e as mellorías que conseguiu a prol dos empregados desas instalacións deportivas. Vénme ao acordo aquel filme intitulado O nadador, cun Burt Lancaster empeñado en atravesar unha cidade a nado (de piscina en piscina), procurando quizais a pureza adamita dun Edén no que o bañador substitúe á folla de uveira. Haberá que nadar a repelo da inxustiza.(pan e coitelo O nadador:BIEITO IGLESIAS).
===============
Desta volta o "Hotel" que me tocou foi o CHOU de Ourense.
Tamén nestes "talleres de reparación" se percibe :todos somos iguas ante a "avaría" que queremos que no la arranxen.
De novo. SAÚDE a todos
No hay comentarios:
Publicar un comentario