martes, 21 de abril de 2009

Afonso Vázquez Monxardín gaña o premio Carracedo



O xurado valorou a variedade, calidade, ton, nivel cultural e crítico dos artigos de Monxardín
Afonso Vázquez Monxardín e o gañador da edición 2009 do premio de xornalismo Xosé Aurelio Carrecedo, que concede anualmente a Deputación de Ourense


Premiouse a unha colección de artigos publicados no xornal A Rexión ao longo do pasado ano. A decisión, adoptada por unanimidade, valora de xeito positivo a variedade dos artigos, a calidade léxica, o ton desenfadado que o autor achega aos mesmos, o elevado nivel cultural dos comentarios e a súa conciencia crítica, ademais de provocadora nalgunhas ocasións.


Disfruten do artigo de hoxe:
Un pecado verde e redondo
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región:21-04-2009

Pois viña eu de Santiago, acababa de pasar esa Dorsal Galega que é como a columna vertebral, o espiñazo da Galicia central que sobe desde a Cañíza ao Paraño e logo ao alto de Santo Domingo e segue a norte. Que xa pasara eu os repetidores que están pouco despois da altura de Castro Dozón (seguramente De Otón, ben antigo e xermánico, por certo), e xa enxergaba alá no fondo os montes de Portugal e á esquerda as terras altas de Oseira e Piñor, terras todas ourensás da mazurca e familia de don Camilo José Cela, cando vin o letreiro que me avisaba Piñor á dereita.Rápidamente me botei á esquerda porque precisamente quería coller a saída de Piñor de Cea á dereita, pero primeiro debería superar a trampa da pista de freado que con aparencia de carril de saída leva confundido a varios menos avisados que o que lles escribe, he, he, he. O caso é que certei coa saída e saín ata empatar coa estrada que xa lle podemos chamar ‘vella’, aínda que lembremos que se chamou ‘nova’ cando se fixo o tramo central Ourense-Santiago dos ‘accesos’, que debeu ser máis que dobrados os anos setenta do século pasado, ou sexa antesdonte.E alí estaba ela, no empate do Reino, a rotonda do pecado. Un obsceno pecado verde. Porque xa me dirán, meus señores, a quen se lle pode ocorrer gastar diñeiro -inda por riba público- en estrar cunha capa de céspede artificial -como se fora un campo de hockey- unha simple rotonda de estrada... ¿Para que? ¡Pois para que quedase bonita nas fotos da inauguración...! Mi madriña! ¡Canto espazo libre no cárcere do Pereiro! Velaí a urxencia urxentísima e feliz ocorrencia. E ademais un exemplo. ¿Esperar a que medre a herba ou crezan as árbores dos parques? Ca. Xa temos unha ‘fast solution’. Herba artificial e árbores de plástico, como no Nadal. E non se fale máis.Se cadra algo de herba desta non lle viña mal ao centro do Claustro de San Fran cisco... E tamén, claro, cartón pedra impermeabilizado dos que fixeron as fachadas da cidade para ‘Los girasoles ciegos’, para colocármosllo por riba desa vellaría gótica cando se acabe de fundir dunha vez. Será todo moi rápido, moi limpo, moi vistoso para as fotos. Sen problema ningún.Pero o malo é que lles son nacionalista vexetal. Amigo do grelo, da uva e da castaña, e inimigo acérrimo da pita e das palmeiras -motoserra polo pé ás da Ramallosa- sobre todo desde que na ría de Aldán vin como poden os castiñeiros chegan amables ao pé da auga salgada.O da herba artificial na rotonda ofendeume no nacional, no climatolóxico, no cultural, nas raíces fondas dese labrego que levamos todos dentro unhas xeracións atrás, e incluso no miña sensibilidade de comedor de leituga solidaria coas vacas comedoras de herba fresca. Ademais, non me estrañaría que fose ‘made in China’. Que horror.

Terá boa solución?

Os premiados no "Carracedo

1 comentario:

Anónimo dijo...

Moi merecido. Alfonso escrebe moi ben...