martes, 28 de abril de 2009

'A praia dos afogados', de Domingo Villar, unha novela sobre a Galicia mariñeira





A Editorial Galaxia anunciou hoxe a publicación da nova novela de Domingo Villar, 'A praia dos afogados', unha obra de intriga que leva ao lector ao mundo da Galicia mariñeira, dende as praias das Rías Baixas á paisaxe urbana de Vigo.

Segundo explicou a editorial, Domingo Villar introduce de novo o lector nunha intriga que parte do achado do cadáver dun mariñeiro nunha praia na ría de Vigo coas mans atadas cunha brida de plástico.

Domingo Villar (Vigo, 1971) reside actualmente en Madrid, onde traballou como guionista de cine e televisión. Coa súa primeira 'Ollos de auga', obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento e, coa súa tradución ao castelán, os premios Sintagma e Brigada 21. Ademais, tamén foi finalista en dúas categorías dos Crime Thriller Awards en Gran Bretaña.
A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.

Neste Blog 5 Marzo, demos conta da súa estanza no LICEO de Ourense.
Parabéns pola súa nova Novela.

No hay comentarios: