A estatua do Alpinche
Se un entra no Google Earth e mira as imaxes de Ourense subidas con ese invento español de tantísima rendibilidade que e o ‘Panoramio’ -unha aplicacion que permite visitar unha cidade a través das fotos enviadas ao ciberespazo por outros turistas- encóntrase con que o que máis chama a atención de nós é a estatua do coche que está onde a Subdelegación de Goberno, no Parque. O visitante ve, olla, para, sorrí, pon cara estrañada e tira de cámara de fotos. Nunca, seguro, viu nada parecido no mundo mundial. Os nenos, como está baixa e xa non hai ‘gris’ na porta da Subdelegacion, suben ao teito sen medo; os adolescentes agáchanse para saír na foto sen tapar ese coche; moitos botan confianzudos o brazo polo ombreiro de Lalao Reverter ou do Antonio Colemán. Pero, perdóenme eles, a estrela, o que fai ao grupo inédito é ese coche que Lalao quixo bautizar ‘Realpor’ -acrónimo de Reverter, Alpine, Porche- pero que o inxenuo popular ourensán, picando a republicano, simplificou en ‘Alpinche’, mestura de Alpine e Porche. Porque iso é o que era.
Os nenos daquela e os que xa non o eran tanto, lembramos como se construíu no verán de 1971 cando Lalao Reverter fixo o trasplante do motor dun Porche 911 que destrozara Pavón, á carrocería dun Alpine que el comprara. A matrícula era OR-31516, que a tíña eu ben posta nun coche ‘tuneado’ -daquela non existía a palabra- do meu scalextrix. Axiña o ‘monstruo’, demasiado motor para tan pouca carrocería, colleu as cores laranxa butano e banda branquiazul, tal que a bandeira arxentina. Durou cinco anos ata que Beny Fernández o espetou xusto ao comezar o Rally do Sherry, en Jerez de la Frontera.
O coche máis mítico que saiu de Ourense na súa historia. Pois si señor. Está ben que teña unha estatua. E por suposto que con Lalao Reverter. Que para algo participou 12 veces no Rally de Montecarlo e gañou varias ducias, por Galicia e España adiante. E sobre todo por ser o introdutor decidido da paixón polo automobilismo que daquela houbo na cidade ao redor do Rally e da Escudería. Si señor. ¿E o Antonio Colemán? Pois tamén. ¿Por que non? Non todas van ser de homes de letras. Foi un digno organizador e sucesor de Lalao á fronte da Escudería.
Con todo, o conxunto garda un par de misterios. Haberá que lle preguntar un ao escultor Ramón Conde, e outro deixalo no aire. Si, lembramos que o Antonio era mellor mozo que o Lalao... ¿pero non se lle iría a man un pouco na diferencia? E o segundo, ¿que diría o Lalao de verse de ‘copiloto’ dun Colemán que nunca conduciu? Cando se esfiañe o fío da memoria vai parecer o que nunca foi.(La Region:10-03-2009.
2 comentarios:
Non é Monxardín santo da miña devoción, non comulgo cos que se cren millores do que son, maila rodearse de boa xente, nen cos que se cren en poder da razón permanente.
Pero o artigo está ben, moito millor das moitas liñas que lle teñen deixado publicar neses papeis que lle chaman La Región.
Mágoa do seu comentario quasi finale, ...non todas (as estatuas) van ser para homes de letras. Todo un ideario do seu pensamento, un ser superior obrigado a opinar polos demás, que nunca chegaremos a tanto.
Velaí a diferencia, ademáis da sua capacidade artística, coa boa xentae coa que se xunta: que son bos e xenerosos, sóbralles a humildade que a il lle falla para ser considerado.
O dito.
Meus deus! Pero de onde saca o señor anónimo o que eu me creo mellor que algo? ¿Un ser superior obrigado a opinar polos demais? Sóbralles a humildade que a il lle falla... Por favor. Non me faga rir. Escribo dous artigos á semana en La Región e, se non os quero facer sobre o vóo das bolboretas ou sobre a praga dos anónimos na rede -esa nova forma asumida de ocultación para baduar sen exporse- pois teño qeu falar de algo.
E lóxicamente eu opino, non polos demais, meu deus, senón polo que se me vén en mente. En fin, graciñas por ler os meus artigos, e por esta opinión na que o mel queda afogado polo fel.
Publicar un comentario