viernes, 20 de marzo de 2009

"Triplete de Marcos" :para os premios da AELG


Marcos Valcárcel está seleccionado nas categorías de mellor blog literario, ensaio e traxectoria xornalística



O blog e a traxectoria de Valcárcel

En teatro, son finalistas Fume / Insomnio de Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns, Historia da chuvia que cae todos os días de Roberto Salgueiro, Nachtmahr de Raúl Dans e Unha primavera para Aldara de Teresa Moure. O premio á mellor traxectoria xornalística decidirase entre Ana Romaní, Bieito Iglesias, Camilo Franco, Gustavo Luca de Tena, Marcos Valcárcel, Xosé Manuel Eyré e Xosé Manuel Pereiro. Os candidatos ao mellor blog literario son As uvas na solaina de Marcos Valcárcel (tamén finalista en ensaio), ...mmmm... de Estíbaliz Espinosa, Das orixes de marzo de Helena González, Lándoa. Marxes de Texto de Arturo Casas, Henrique Marques-Samyn co blog homónimo e O levantador de minas de Alfredo Ferreiro.



Cea das letras Escritores elixen escritores

Con doce libros seleccionados, a poesía acapara o maior número de finalistas para os premios que concede a AELG ás mellores obras publicadas no 2008
MARÉ . SANTIAGO

Galicia Hoxe
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) anunciou onte os finalistas dos premios que recoñecen as mellores obras publicadas no 2008 en cada un dos xéneros: ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística así como o mellor blog literario, que se incorpora este ano.
Protagonizan estes galardóns que, segundo indica a AELG nun comunicado, "levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario", unha grosa listaxe de doce obras de poesía e dez de narrativa. Os galardóns entregaranse no transcurso da Cea das Letras que se celebrará o vindeiro 9 de maio no Hotel Porta do Camiño de Compostela.
A candidatura con máis finalistas, até doce, é a poesía. Así, optan ao premio A melancolía dos corpos de Xulio López Valcárcel, Acendede as almenaras, cántigas de amor, de amigo e de escarnio de Bernardino Graña, Amor Amén de Iolanda Zúñiga, Construccións de Eduardo Estévez, Cultivos transxénicos de Carlos Negro, Hordas de escritura de Chus Pato, Látego de algas de Antón Reixa, Libro de Alicia de Olalla Cociña, Migracións de Rafa Villar, Non son de aquí de María do Cebreiro, Xeito de Freud de Carlos Lema e Reversos: días adiados de Ramiro Fonte.
Outra das categorías fortes, a narrativa, alcanza as dez candidaruras. Así, son finalistas A choiva do mundo de Xosé Manuel Pacho Blanco, A verdade como mal menor de X. Luís Martínez Pereiro, Costa Norte/ZFK de Xurxo Borrazás, Festina lente de Marcos S. Calveiro, Memoria de cidades sen luz Inma López Silva, O profesor de vegliota de Manuel Veiga, O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo, Os nomes do traidor de Xurxo Sierra Veloso e Shakespeare destilado de Xesús Constela. O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. Docampo, aparece nesta categoría á vez que na de literatura infantil e xuvenil, finalista xunto a Marilar Alexandre por A cabeza da medusa, Elvira Riveiro con Palabras brancas e Antón Fortes que é candidato por partida dobre con Fume e Caderno de animalista.

Nove ensaios seleccionados: de Queizán a Beiras
Nove ensaios son os finalistas nesta categoría da AELG. Trátase de Anti Natura de María Xosé Queizán, Caderno de notas de Jenaro Marinhas del Valle, Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional de Carlos Taibo, Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado, Historia de Ourense de Marcos Valcárcel, Miro Casabella e a nova canción galega de Xan Fraga, O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios Luís G. Soto, O natural é político, de Teresa Moure e Por unha Galiza liberada e novos ensaios de Xosé Manuel Beiras.
En canto á tradución, hai cinco obras seleccionadas polos escritores galegos. Son A conxura dos necios de John Kennedy Toole, traducida por Eva María Almazán García, As flores do mal de Charles Baudelaire traducida por Gonzalo Navaza, Cantos e fragmentos de Safo de Lesbos, vertida ao galego por Raúl Gómez Pato, O xiro postal de Sembène Ousmane traducida por María Isabel García Fernández e Un home na escuridade de Paul Auster tamén traducida por Eva María Almazán García.

No hay comentarios: