martes, 3 de noviembre de 2009

CAIXA GALEGA ou FORANEA ?






SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 (EUROPA PRESS)
O ministro de Fomento e vicesecretario xeral do PSOE, José Blanco, apostou este martes por que os centros de decisión das dúas caixas galegas se manteñan en Galicia ante futuros movementos no mapa financeiro, pero puntualizou que a galleguidad de Caixa Galicia e Caixanova non pode preservarse mirando "só para dentro" da comunidade.
"Nunca en Galicia ao longo da historia reforzamos a nosa galleguidad se miramos só para dentro", reflexionou durante o coloquio aberto tras a súa intervención no 'Forum Europa. Tribuna Galicia'. Ademais, recordou que as compañías galegas que se sitúan como "maior paradigma de excelencia empresarial" conseguiron fortalecerse porque "saíron sen complexos e superaron as nosas propias fronteiras, mentais e xeográficas,".
Blanco reivindicou a necesidade de manter os centros de decisión das caixas galegas en Galicia, pero foi máis alá ao reivindicar que as posibilidades futuras para ambas as dúas entidades, " sexa cual sexa o resultante", non se decidan mirando "só para dentro" da comunidade, onde na actualidade conviven Caixa Galicia e Caixanova e invitar a superar "fronteiras".
Ante o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, ambos os dous presentes no almorzo informativo, o ministro de Fomento defendeu que en primeiro lugar deben ser as propias entidades financeiras "as "que se pronuncien sobre unha eventual fusión, "posto que é "unha decisión" con importancia para Galicia, pero é unha decisión empresarial".

“O TAMAÑO NON IMPORTA"
"O debate non é o tamaño", aseverou para subliñar que o fin principal de calquera movemento financeiro debe ser "buscar a eficiencia" e preservar que os centros de decisión se manteñan en Galicia. En todo caso, subliñou a súa vontade de ser "prudente" para non interferir en "unha reflexión que corresponde ao Goberno galego", ao que instou a clarificar a súa posición.
En calquera caso, estimou que a postura da Xunta deberá ser produto dunha reflexión que responda a varios interrogantes, entre os que citou: " como se xestiona mellor o risco empresarial?, como conseguir mellores condicións de crédito?, cantos empregos e oficinas perderíanse?, como afecta a decisión ao equilibrio territorial e ao modelo de desenvolvemento económico?, como impacta sobre a obra social? ".
Para o ministro de Fomento, estes son "algúns interrogantes" que haberá que afrontar á hora de fixar unha posición sobre as caixas porque "se se responde axeitadamente, será unha decisión positiva". Na súa opinión, a determinación deberá ser froito de "a reflexión, o interese de Galicia, das súas empresas, o interese social, económico e do emprego".
Pola súa banda, nin José Luis Méndez nin Julio Fernández Gayoso quixeron facer declaracións ao respecto das conversacións para explorar unha vía de fusión entre ambas as dúas entidades e apelaron á prudencia que debe rexer o proceso de análise.



Seguimos desfollando a "margarita":
Despois de meses de debate e dun desmentido ou matización por parte da Xunta de Galicia ás palabras da Conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, nas que avogaba por camiñar cara á fusión entre Caixanova e Caixa Galicia, para que despois o seu departamento insistira en que todas as opcións se están estudando, a voz cantante a levaron onte os grupos da oposición. PSdeG e BNG difiren no grado de decisión que deben ter os partidos e as institucións antes de coñecer a posición das propias entidades pero coinciden nunha cousa. Na necesidade "dun acordo", dun "consenso" sobre o asunto entre as tres forzas que compoñen o arco parlamentario.
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, insistiu onte neste asunto e reiterou que a súa formación esperará a que "falen as caixas" como condición previa para fixar o novo mapa financeiro galego. Apuntou que o posicionamento de Caixanova e Caixa Galicia podería coñecerse esta mesma semana. "Terán que dicirnos que queren elas, ou é que algún ten a potestade ou o interese de facer algo en contra das caixas?", preguntouse Vázquez para sinalar que despois o PSdeG dará a súa opinión aínda que insistiu no "acordo".
"Unha vez escoitemos o que din é cando temos que entrar a buscar acordos", defendeu o líder socialista, quen incidiu en que eses acordos deben contemplar "a galeguidade das caixas, que non se despracen os centros de decisión fóra de Galicia, e que a solución dea a máxima solvencia e potencia".

Un Goberno marcado pola "improvisación"
Manuel Vázquez ve "normal" que os responsables da Xunta de Galicia mantivesen contactos coas caixas para avaliar a situación e minimizou as posibles reunións co Banco de España, do que recordou que a súa misión é a de "escoitar". Respecto diso, criticou a Xunta por non reunirse cos axentes sociais, os alcaldes, as deputacións, os partidos políticos. "Entón, con quen se hai que reunir?", preguntouse o secretario xeral do PSdeG, reclamando que "temos que compartir entre todos unha decisión de futuro para Galicia". O dirixente socialista criticou o "desgoberno" e a "improvisación" da que está facendo gala o Goberno galego nesta materia, aludindo a unha entrevista concedida pola conselleira de Facenda na que esta apuntaría á fusión das dúas caixas galegas.

O Bloque esixe unha nova normativa no sector
Desde o BNG, o seu voceiro parlamentario volveu pedir o acordo de todos os grupos para tomar unha decisión pero foi máis aló ó reclamar unha blindaxe "galega" para as entidades financeiras. Aymerich insistiu na necesidade de lograr un "acordo de mínimos" entre os partidos políticos que conforman a Cámara arredor das caixas de aforros e avisou de que o seu futuro pasa por unha nova lei que blinde as "competencias" da Xunta e a "galeguidade" destes entes de aforro.
O dirixente nacionalista anunciou que a próxima semana se introducirá no debate do pleno do Parlamento unha moción -derivada dunha interpelación anterior- na que o Bloque buscará un "acordo de mínimos" das tres formacións políticas para consolidar eses obxectivos. Neste sentido, explicou que este pacto debe pasar por afianzar a "galeguidade" das caixas, co obxectivo de "evitar a absorción" por parte doutras foráneas.
Neste punto, evocou as palabras do voceiro de Economía do PP, Cristóbal Montoro, e as do ministro de Fomento, José Blanco, nas que se abriron a fusións con entidades de fóra de Galicia para advertir de que "as forzas estatais" deben aclarar a súa posición na comunidade.
Subliñou que a nova lei sobre caixas debe "reforzar as competencias de caixas" e, para iso, é necesaria unha "nova lei". "O novo escenario resultante non pode ser o nepotismo e o sistema de especulacións", avisou, quen apostou por que sirva para "financiar as pemes e para que "a obra social sirva para establecer un verdadeiro sistema galego de servizos sociais e públicos".
Ante as diferentes declaracións do Goberno galego sobre a fusión das caixas, Carlos Aymerich considerou que "van sendo horas de falar claro" e advertiu de que a Xunta "non o fixo ata agora". "Non basta coas palabras da conselleira de Facenda, Feijóo ten que falar", manifestou.
O PRESIDENTE REUNIUSE CON GAYOSO E FARÁ O MESMO CON MÉNDEZ PARA ACHEGAR POSTURAS
Feijóo dará a súa opinión "cando a teña"
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu insistir onte en que concretará a súa postura sobre o futuro das caixas galegas "cando a teña" e recoñeceu que lle "gustaría" contar con "axuda" para levar a bo termo esta tarefa, aínda que se conformará con que no se "prexudique" a Galicia. Asemade, volveu reclamar non caer en "localismos" entre as diferentes cidades e os seus sectores empresariais.
(De Galicia Hoxe)

Para cando MONXARDIN nos deleitara ca creación de un BLOG?:

AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN
camiño do vao (Galicia Hoxe)
Pobres e pobres

Hai varias clases de pobres; fundamentalmete dúas. Uns, os que non teñen cartos pero poden ter moito doutras cousas. Outros, os que teñen cartos pero teñen moi pouco do resto. E dáme a impresión de que hoxe nesta sociedade da opulencia que resiste á crise estámonos empobrecendo en cousas que non son de cartos. E digo que resiste á crise porque coches véndense á raganlleira, viaxes fanse coma nunca, saídas de noite e ceas e xantares de amigos, tamén. A crise non rompeu as formas de vida dos últimos tempos aínda que serviu para tensar o ambiente. Empobrecémonos porque hai moitos que non teñen nin unha palabra amable coa que recoñecer o esforzo ou o éxito do próximo. Porque hai a quen non lle queda nin un segundo para ceder o paso nunha porta confundindo a educación cunha humillante cesión de dereitos. Hai quen vai todo seguido andando rápido pola rúa cos cascos postos e que se aparte que vén de fronte. Hai quen non sabe mandar mensaxes de afabilidade cun sorriso cómplice para desculpar un erro alleo. ¿Estámonos endurecendo ou embrutecendo? Non vou dicir eu que se volva ao caso das xeracións pasadas nas que se trataba os pais de vostede, pero tampouco a un colegueo indiscriminado que nos deixa sen espazo para soltar liña de confianza a medida que se precise. Se un non usa o vostede é obviamente máis pobre lingüisticamente, porque só usa unha forma de tratamento en vez de dúas. Se un usa palabróns como un bocapodre, é tamén, claro, moito máis pobre, porque con esas malas palabras usadas como comodíns evita o circunloquio expresivo que, indefectiblemente, é máis rico en léxico e idea que o simple exabrupto. Hainos tan pobres xa, que nin teñen uns bos días, unhas graciñas e uns porfavores cos que agasallar as persoas con que trata. Así, a falla de eduación fainos pobres de clase B. Deses que poden ter cartos pero que lles falta moito do resto.

En fin, estamos rodeados dunha inmensa riqueza ao alcance da man que non ten nada que ver co diñeiro. Un paseo trepando nas follas de calquera carballeira ulindo o outono e escoitando a natureza é tan valioso que nin se pode comprar. Ou un libro, por exemplo dunha biblioteca pública, o pasatempo máis ecolóxico e enriquecedor. Un tempo de xenerosidade para vostede mesmo, iso si que é mostra de riqueza e mais de aprecio.

¿Será todo isto que digo unha cursilada pasatista? En calquera caso, é o seu dereito opinalo. Neste ano Blanco Amor que se extingue, lembremos que escribiu un libro titulado Las buenas maneras. Se cadra cumpría volver a elas. Creo que si.

No hay comentarios: