miércoles, 4 de noviembre de 2009

Caixanova contra a Xunta




Un ambicioso Gayoso pon "en xaque" a Feijoo


O afán de perpetuarse no poder de Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixa Nova, a pesar da súa idade provecta, impedía a fusión que pretende o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo quen, nos seus anacos libres, conspira co seu homónomo, Alberto Ruiz-Gallardón, contra Mariano Rajoy (un detalle importante que non convén esquecer).
Mentres José Luis Méndez, dende Caixa Galicia, se puxo ás ordes da Xunta, quere unha soa caixa galega potente, o responsable de Caixanova rebélase, e aproveita a petición do Banco de España de fusións interrexionais para buscar noivos en Canarias, Navarra, Rioja, Aragón ou Baleares, o máis lonxe de Galicia para afastarse da Xunta.
Para o ambicioso Gayoso é o único xeito de non se xubilar. E o caso é que ten apoios na Galicia sureña.

Feijóo di que a análise da situación das caixas galegas non finalizou e rexeita "frivolizar" con fusión
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Novembro. (EUROPA PRESS) -


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que os traballos de análise e avaliación da situación das caixas galegas non finalizaron e que á reunión de onte con representantes de Caixanova e de hoxe con Caixa Galicia se sumarán máis encontros a próxima semana. O xefe do Executivo autonómico enmarcou estes traballos na "folla de ruta" comprometida polo Goberno galego.
En declaracións aos medios tras a inauguración do edificio Emprendia, o titular da Administración galega rexeitou "frivolizar", "improvisar" ou "formular posturas ambiguas" e avogou por concretar a posición do Executivo autonómico "unha vez avaliada e estudada" a conta de resultados de ambas as dúas caixas. "Isto é o que están a facer en todas as comunidades autónomas", apuntou para citar os casos de Valencia, Andalucía e Castela e León.
Núñez Feijóo referiuse á postura do Goberno central, manifestada hoxe a través do ministro de Fomento, José Blanco, e que, como sinalou, "abre a porta" a que as caixas galegas poidan ter alianzas con outras entidades de fóra. "Esa é unha postura que clarifica o que pensa o Goberno e o PSOE", afirmou, malia insistir en que a Xunta marcará a súa posición "unha vez finalizados os traballos".
Sobre esa posición, precisou que será explicada "con números, balances e escenarios financeiros," elementos cos que asegurou que "se move o resto das entidades públicas". Así mesmo, reiterou que a Xunta mantén como compromiso básico que Galicia siga "presente no mapa financeiro español" atendendo a un "dobre escenario", o galego e o das fusións impulsadas noutras comunidades autónomas.
O presidente da Xunta rexeitou dar a coñecer a posición de Caixanova sobre a fusión e instou os xornalistas a preguntar a esa entidade e a Caixa Galicia sobre os seus criterios acerca desa operación. "Imos ser escrupulosos, non imos facer comentarios, imos dar a nosa opinión e posición cando a teñamos", resolveu. "Eu apúntome á prudencia e á responsabilidade", apostilou.



No hay comentarios: