sábado, 24 de octubre de 2009

A Xunta quere impoñer a 'omertá' ante a oposición á fusión das caixas galegas

"Neste tema hai que traballar moito e falar pouco". Palabras pronunciadas publicamente en Marín (Pontevedra) polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Mensaxes similares proferira dende setembro, pero sempre en privado. Agora, fainos públicos, para tratar de frear a marea de oposición á integración de Caixa Galicia e de Caixanova.Pero se o presidente da Xunta quería silencio, é un labor perdido de antemán. Catro Cámaras de Comercio (Vigo, Arousa, Pontevedra e Tui) e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) preparan un informe sobre os efectos da fusión das dúas caixas. Tanto o presidente da CEP, José Manuel Fernández Alvariño, como o da Cámara de Comercio de Vigo, José García Costas (que, por outra parte, é conselleiro de Caixanova), manifestáronse partidarios de dúas entidades na comunidade. O alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), respondía ás advertencias do presidente da Xunta animando os empresarios e outras institucións a "expresar as súas ideas" sobre a fusión.Un movemento da Xunta pasou case desapercibido, pero é clave para frear calquera manobra das caixas. A lexislación autonómica (artigo 48 da Lei de Caixas) outorga ao Goberno galego a potestade de participar na Comisión de Control, cuxa misión estatutaria é a supervisión da xestión do consello de administración "para que se desenvolva no marco dos fins propios da entidade, das directrices e resolucións da asemblea xeral e das directrices emanadas da normativa financeira", das caixas. Algo que ningún, nin sequera os presididos por Fraga, exercera.

Núñez Feijoo avisou das súas intencións en xuño e agora fixéronse realidade. A Consellería de Facenda designou, con suma discreción (case con nocturnidade e aleivosía), dous representantes da Administración autonómica para ocupar senllos postos nas comisións de control de Caixa Galicia e Caixanova. No caso da entidade dirixida por José Luis Méndez, o xa tomou posesión na última reunión do seu máximo órgano de control, hai un mes, Joaquín Caballero Miranda, subdirector xeral de Recursos e Análise Orzamentaria. E na entidade que preside Julio Fernández Gayoso espérase a chegada a finais de mes, cando se reúna a súa Comisión de Control, de Javier Dios Ortiz, xefe de sección dentro do Servizo de Análise Financiera e que depende da Sudirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras.Ambos os dous funcionarios da Xunta foron elixidos para representar, con voz pero sen voto, o Goberno autonómico nas Comisións de Control. "Non se tivo en conta o cargo para proceder ao nomeamento, senón que se valorou en ambos os dous casos a súa cualificación técnica e a súa experiencia no sector financeiro", aseguran na Xunta. Pero chama a atención a diferenza, en canto a xerarquía laboral, entre unha e outra. En Caixa Galicia é un subdirector xeral. E en Caixanova, un xefe de sección.

Con esta medida, que oficialmente pretende "reforzar a supervisión do sistema financeiro galego", a Xunta de Alberto Núñez Feijoo dispón de información de primerísima man sobre a xestión das caixas.

No hay comentarios: